RADIOGRAFÍAS | O |
02 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.CASE ME esquencín da última vez que me puxen a escribir unha carta. A chegada do teléfono móbil e o cada vez máis empregado correo electrónico, deixou nun plano case residual as vellas cartas manuscritas. Recordo, aínda na década dos oitenta, que á miña casa chegaba con frecuencia correo de América. Algún coñecido ou parente mandaba misivas dende Sao Paulo, Buenos Aires ou Montevideo: «Acá estamos todos bien. Espero que a ustedes también les vaya estupendo». As letras reviriganchadas traían o ulido de terras afastadas. Incluso teño actuado, coa miña caligrafía infantil, de improvisado escribán para redactar algunha carta que me dictaba algún parroquiano. Para min tamén viñan ás veces postais e cartas de amigos repartidos por todo o mundo: un parente en Caracas, outro en Holanda, amigos de verán de Suíza ou Francia. Pódense imaxinar a ledicia dun rapaz de once anos cando recibía un escrito chegado de lonxe. Agora xa hai tempo que só recibo correos electrónicos. Teñen a vantaxe de que chegan nun instante e cando os abres les o que che conta un amigo dende Londres ou un que está en Moraña. A parte negativa, aínda non a supliu a técnica, é que non olen como as cartas de antes.