A nobreza da docencia

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

01 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

APARQUEI pretiño do Rectorado e fun andando pola cidade vella coruñesa. Como faltaban aínda vinte minutos para o acto literario, sentei na praza da Colexiata de Santa María, escoitando o chiar das gaivotas, máis nítido pola ausencia do tráfico masivo que caracteriza a outras zonas da cidade. A escasos metros, na rúa da Sinagoga, Alexandre Nerium presentaba o seu primeiro libro édito: Vogar de Couse. Cando entrei no local Portas Ártabras, atopeime con Alexandre e coa pequena sala case chea de xente. Na mesa de oradores o autor fisterrán estaba escoltado por Miguel Anxo Fernán-Vello, Xulio López Valcárcel e Francisco Fernández Rei. Na hora que durou o acto de presentación houbo continuas referencias a Fisterra e a toda a Costa da Morte. As súas xentes e os seus paisaxes estiveron presentes, tamén autores coma o laxense Antón Zapata. A palabra conseguira o pequeno milagre de xuntar a medio cento de persoas naquel auditorio. O académico da lingua e catedrático de Filoloxía, Fernández Rei, reivindicou o léxico mariñeiro, que, nun traballo propio dun artesán do verbo, emprega Nerium. Hai poucos no país máis indicados ca Fernández Rei para falar dese inmenso tesouro que é a nosa lingua. Tiven a sorte de ter a este cambadés de profesor na etapa universitaria, concretamente na materia de Sociolingüística Románica. Del recordo unha conversa nun bar da zona vella compostelá, alí un grupo de alumnos compartimos con el un par de horas ao redor dunha mesa. Todos sabiamos, e os que pasan polas súas aulas seguen a sabelo, que os seus coñecementos eran un auténtico luxo. E por riba exerce de mestre, no sentido máis amplo e nobre da palabra.