Minisaias e «escape libre»

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

31 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O DOMINGO a media tarde achegueime polo parque acuático de Cerceda para tomar algo cun grupo de amigos. O complexo estaba ateigado con milleiros de persoas de todas as idades: coincidía unha festa radiofónica coa apertura das instalacións de ocio. A xornada estaba máis que agradable e moita xente desparramábase polo céspede do Acevedo ao máis puro estilo Woodstock. Uns durmían a sesta, outros daban leria e ata había quen cantaba deixándose levar pola fermentación de ribeiro. Pola contra os nenos guindábanse unha e mil veces polos tobogáns en caída libre cara as piscinas. Reflexionei sobre esa pequena milagre. Hai catro anos era dos que tiña máis que claro que o Aquapark quedaría nunha obra faraónica de municipio cativo que aos poucos inzaría de silvas e saramagos. Como se imaxinarán o meu prognóstico foi de caldo á merenda e a realidade confirma o pouco futuro que teño como analista. Pois nesas andaba, comentándolle aos meus contertulios a miña predicción errada (case compartida por todos, por certo) cando reparei nun home maior que bailaba cara outras seis mulleres que estaba sentadas nunha mesa. O pensionista facía todos os esforzos posibles para conquistalas, por probar probou sorte con todas pero o éxito foi nulo. Canso de exercer de imposible Giacomo Casanova co grupo de vellas reparou nunha moza ben fermosa que pasou en minisaia á súa beira. A cara que puxo ao ver a rapaza non pasou desapercibida para as señoras da mesa. Unha delas, con inconfundible acento camariñán, mandoulle un dardo dialéctico polo aire, «se te colle unha desas que vai a escape libre acaba contigho, meu pobre».