RADIOGRAFÍAS | O |
29 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.ESTABA EN Baldaio deitado contra as dunas. A tarde de primavera convidaba a deixarse levar por un sono que entraba tímido. Nunha das pontes un paisano pescaba mentres botaba algunha que outra ollada a unha moza que tomaba o sol en topless. Na auga catro ou cinco nenos montaban un balbordio de trastadas felices. Máis preto de min varios matrimonios e un pouco máis aló un fato de mozotes dos que poñen a toda caña a música. Vendo que os do congunto non paraban, optei por incorporarme e gozar coa paisaxe, con ese máxico resplandor na auga da ría. Nesas estaba cando oín os berros histéricos dun neno que viña correndo da auga: «Mami, mami, mira lo que trae en la mano, mira lo que trae». Semellaba como se vira o mesmísimo belcebú lavando as cachas. Detrás viña outro terremoto máis pequeno e cunha cara de traste das de poñerse a tremer. Pasaron onda min coma un lóstrego. Mentres o maior se refuxiaba entre os pais, o outro traía un descomunal crustáceo e berráballe a outra señora: «Non teñas medo, ho. É un canghrexo. Mamá, non me fai nada mateino cun croio». Se son a nai daquel pillaban, o próximo ano mándoo a un programa de supervivencia que hai na tele...