José María Suárez Rioboo

XOSÉ MARÍA LEMA SUÁREZ

CARBALLO

A ATALAIA | O |

28 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

OCUPADO NA realización dun traballo de investigación sobre os nomes e apelidos dos bautizados de Berdoias (Vimianzo) desde o século XVII, observei que as partidas do ano 1810 do Libro 2º de Bautizados se encabezaban do seguinte xeito: «En la Parroquial Yglesia de Sn. Pedro de Berdoyas a quatro dias del mes de septiembre de mil ochocientos y diez yo Dn. Benito Regueira, P[resbíte]ro escusando al Sr. Dn. Josef Maria Suárez Rioboo, Rector de ella y su principal, Arcipreste de este Partido de Nemancos y Diputado por esta Provincia de Santiago a Junta de Cortes del Reino bautizé a...". Estaba claro: o párroco de Berdeogas e Berdoias daquela época, José Mª Suárez Rioboo, fora designado deputado ás Cortes que a Xunta de Rexencia convocara na cidade de Cádiz. Estas Cortes elaborarían a primeira das constitucións españolas: a que sería promulgada en Cádiz o 19 de marzo de 1812. Guerrillas Pero, ¿en que se distinguira o párroco de Berdeogas e Berdoias para merecer a designación de deputado en Cortes? De certo, nada sabiamos del, pois tampouco se deixara ver moito o home o crítico ano anterior de 1809, cando as tropas francesas viñeran polas comarcas de Soneira e Nemancos e remataran incendiando as vilas de Cee e Corcubión. Colegas seus, como Pedro Lapido, párroco de Morquintián (Muxía), e Juan Domingo Pizpieiro, párroco de Santa Uxía do Ézaro (Dumbría), si que tiveron protagonismo, pois organizaron a defensa contra os franceses como improvisados comandantes das partidas populares da zona. Nestas partidas guerrilleiras tamén colaborara o crego de Salto, Vicente Aldao, que fora comisionado para entrevistarse co Marqués de la Romana co obxecto de obter armas para elas. Mais por ningún sitio aparece D. José Mª, a pesar de que as súas parroquias estaban no ollo do furacán , e por elas por forza tiveron que pasar as tropas do comandante Lapido, que primeiro se apostara en Vilastose e despois en Paizás (Cambeda), marchando logo cara a Baíñas e Ponte Olveira o 13 de abril de 1809. Na obra Parlamentarios de Galicia (1810-2001), de Xosé R. Barreiro Fernández, aparece unha breve biografía de Josef Mª Suárez Rioboo. Nacera en Sto. Estevo de Goiáns (Bergantiños), e estudiou Filosofía e Teoloxía na Universidade de Santiago, onde obtivo o grao de bacharel en Filosofía en 1773. Tomou posesión de Berdeogas e Berdoias en 1780. En maio de 1810 foi un dos 27 deputados do Reino de Galicia designados para asistir ás Cortes de Cádiz (representaba á extinta provincia de Santiago, xunto a outros seis deputados máis). Xa na cidade andaluza, sábese que asistiu á primeira sesión (24 de setembro), pero non consta que participase en ningunha das sesións, pois nin sequera aparece votando na do 19 de outubro sobre o proxecto de liberdade de imprenta. O 23 de novembro solicitou licencia para volver á súa terra por asuntos persoais. Xa en Galicia volveu solicitar prórroga en maio de 1811 para permanecer na casa reitoral de Berdeogas por motivos de saúde. Xa non retornaría ás Cortes nin xuraría a Constitución, pois o 18 de marzo de 1812 consta entre os vinte deputados ausentes. O que son as cousas, o crego Juan Antonio Posse -nacido en Soesto (Laxe) en 1766 e párroco de Rabanedo (León) na época da Guerra da Independencia- seguramente daría un brazo por participar na elaboración da primeira e máis trascendental das constitucións españolas, e estoutro paisano noso vai e desaproveita a oportunidade histórica de se converter nun dos pais dela. É ben certo que Deus lle dá pan a quen non ten dentes ou a quen non quere comer. Suárez Rioboo _que moi enfermo non debía de estar, pois aínda rexentou as súas freguesías ata 1837_ inaugurou a vergonzosa nómina dun tipo de deputados galegos en Cortes que, ou non aparecen por elas (absentistas), ou permanecen no escano coa boca ben fechada (os caladiños ) á hora de defenderen os intereses da ¿súa? terra.