O CARTAFOL | O |
26 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.FACERSE MEMBRO dunha asociación non gobernamental ou apadriñar un neno pobre por dezaoito euros é bonito e solidario. É un xesto pola igualdade dos seres humanos. Moi ben. Podemos axudar para ter a conciencia tranquila. Pero, ¿por que mandar unha axuda tan lonxe se sabemos que podemos axudar aquí ó lado da nosa porta, aquí en Carballo mesmo? ¿Ou só vemos a pobreza onde nos interesa? Ademais, coa nosa pequena aportación non imos solucionar nada. Pouco podemos facer. E desconfiamos de que esa cantidade chegue ó seu destino. Os verdadeiros responsables, os que teñen nas súas mans a solución do problema da fame, son as institucións que manexan os cartos que se distribúen no mundo. Os que poden acabar coa inxustiza neste planeta inxusto, son as persoas (un vinte por cento) que acumulan e non comparten o oitenta por cento da riqueza da terra. Eles, se quixesen, son os que poderían acabar coas enfermidades mortais que nos países ricos se curan cun simple xarope, cunha simple vacina. Os que poden son persoas multimillonarias como Bill Gates, o presidente dos Estados Unidos, todos os presidentes dos países ricos e todos os empresarios do mundo, deportistas de elite (unha minoría selecta), actores de cine que chegan a gañar dez mil millóns das pesetas de antes nun só ano por unha soa película. Operacións comerciais Cada vez que un cidadán, un consumidor, compre un disco, unha lavadora ou un coche, ¿por que a empresa que vende ese producto non destina unha pequena cantidade para estes fins en vez de aproveitar ata o último céntimo para meter na hucha como avaros? ¿Por que se producen verdadeiras pelexas nas operacións comerciais para ocupar os primeiros postos na lista dos máis ricos do mundo? A ambición dos que dominan os negocios é desmedida. O egoísmo desta xente é tal que se fala, timidamente e con pouca convicción, de reducir a pobreza á metade dentro dun montón de anos. É dicir, que non interesa que todos sexamos ricos, que todos teñamos un alto poder adquisitivo como dixo hai pouco un presidente bromista e chistoso. Evidentemenmte, para que haxa potentados, ten que haber xente necesitada. O que se destina ós países onde a xente non ten que comer é unha insignificancia se o comparamos co que se gasta en aventuras de ciencia ficción como construír unha base na lúa ou colonizar o planeta Marte.