Os cisnes voadores

XOÁN POSE VIÑA

CARBALLO

O CARTAFOL | O |

11 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

Ó PRINCIPIO, ó ler a noticia do evento, os bergantiñáns sentímonos satisfeitos por ter en Carballo o privilexio de poder asistir a un espectáculo que normalmente só se pode ver nas grandes cidades pagando un prezo moito máis elevado. Pero despois, nuns intres de nada, chegou a desilusión e o gozo morreu afogado nun pozo, no pozo da desesperanza, da carraxe contida e da incredulidade. O ballet ruso só sería visto por uns pocos avispados que correron máis que as lebres para reservar os seus sitios. O venres anterior seica se colapsaron os teléfonos do Concello. O luns ás once e media xa non quedaba nada de nada. Fóronse por arte de maxia (nin o mesmo Copperfield sería capaz de facelo mellor) en hora e media. As entradas esgotáronse en menos tempo có que lle leva a un galo cantar o seu quiquiriquí. As entradas volatilizáronse nun amén. Interveu Matalobos e dixo: «Los cisnes han volado... No queda ni una, digo ni uno... Será cosa de furtivos». ¿Quen cazou os cisnes do lago? ¡Quen sabe! Un bo lote parece ser que xa as distribúe Caixanova. No futuro haberá que ir pensando en abrir unha conta nesta entidade para poder conseguir información de primeira man cando haxa acontecementos desta índole polas terras da comarca de Bergantiños. Nada que ver ten o sucedido co Prestige, pero hai quen pensa que o suceso carece de transparencia e presenta algunhas das características propias da burla negra do chapapote. Quizá sexa algo esaxerado, pero todo hai que dicilo, por se acaso. Anuncios Para máis inri, para máis padecemento, o martes día tres aparecía o anuncio no xornal: «Venda de localidades na oficina de Cultura do Concello de 10 a 14 ou ¡o día da actuación na taquilla (castelanismo por despacho de billetes) do Palacio da Cultura dende as 19.00 horas». E para máis tormento, ese mesmo día recibimos nas nosas casas a carta da concellería de cultura onde se describían con detalle as características do ballet de Moscú que interpretaría El lago de los cisnes de Tchaikovsky «¡agardando que estas propostas sexan do seu agrado!». Tanta publicidade para nada. A pesar de todo, a información foi escasa, pois tamén se comentou que o espectáculo non podería ser presenciado por menores de doce anos, e este dato non figurou en ningún lado. De paso, digo unha vez máis que o aforo do auditorio de Carballo é raquítico e, segundo parece, crónico, pois xa non ten remedio.