RADIOGRAFÍAS | O |
29 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.RESULTA QUE o mércores xuntouse todo quisque arredor do conselleiro de Política Territorial, Núñez Feijóo, e non me avisaron. Presentou con moita pompa a nova estrada Carballo-Fisterra que, polo que lin na prensa, vai reducir notablemente o tempo de acceso á Costa da Morte, cun investimento de algo máis de 90 millóns de euros. A noticia é moi boa para toda a zona, sen dúbida. Pero eu estou un pouco encabuxado co conselleiro e cos alcaldes. Esperaba un convite para ir á cuchipanda e ver de preto o glamour de tantos mandatarios, concelleiros e directores xerais mesturados coma nun freixó. Pero nada, non houbo sorte e non puiden aplicarme á nobre arte de escoitar os rexoubeos e as pasadas de mans polo lombo. E iso que o tiña todo preparado. Dende a semana pasada esperei pacientemente a que chegara o carteiro á aldea con algunha notificación de San Caetano: «Querido amigo: queda vostede invitado á presentación da futura estrada Carballo-Fisterra e a tomar un aperitivo. Poderá traer acompañante». E aí estaba eu, machiño, escollendo vestiario; valorando seriamente que gravata levar e incluso se lle alugar un traxe ao meu acompañante. Quen nos vería aos dous, a min e ao can Marelo, baixando no coche, dende as terras da montaña cara Carballo: pasando A Silva, a Ribeira de Pena, a recta de Sofán e entrando todos guapos na capital da comarca. Igual aínda íamos tomarlle un café para facer tempo. E logo entrariamos todos rufos no Pazo da Cultura, saudando a esgalla, canina e humanamente, a todos os próceres da zona. Máis que nada polo can, que anda necesitado ultimamente de vida social. Xa saben, eso que chaman alternar unha miga.