Un sermón de cine

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

27 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

O PASADO venres fun ata Santiago para ver a preestrea da película A vida que che espera. Como vostedes saberán, o filme que dirixe Gutiérrez Aragón foi rodado maiormente no abraiante val de Pas, en Cantabria, aínda que tamén hai algunhas escenas feitas en Bergantiños (de feito ao día seguinte proxectouse en Carballo). O caso é que gracias a uns amigos conseguín dúas invitacións e aló fomos para o Auditorio de Galicia. Nin que dicir ten que as butacas enchéronse ata arriba (preto dun milleiro de persoas) e alí había todo tipo de fauna: dende altos cargos da Xunta ata jipes ou señoras piripostas para a ocasión. Niso que xa estabamos sentados e o productor da película, Pancho Casal, dirixiuse ao público. Despois fixeron o propio Manuel Gutiérrez Aragón e os actores Luís Tosar e Juan Diego (todos moi breves nas súas intervencións). A última palabra tívoa un director xeral de non sei que consellería que subiu ao palco con moita cerimonia e cun discursiño preparado. O que me temía sucedeu. O político, un rapaz aínda ben novo, colocou ben o nó da gravata e comezou un espiche propio dun sermón dominical: queridísimo conselleiro fulaniño de tal, queridísimas autoridades presentes: isto é unha aposta do cine galego, estase facendo un gran esforzo, somos a repanocha inversa, o noso departamento vai seguir traballando arreo... A xente aguantou estoicamente e cando o paisano xa comezaba a embalarse na encíclica, empezaron a oírse tusidos dende moitas butacas. Contra o que esperaba, o alto funcionario demostrou que tiña humor, sen mostrar síntomas de nerviosismo dixo de maneira pausada: «Vou acabando que polo que se ve hai moito catarro na sala».