RADIOGRAFÍAS | O |
26 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.Hai poucas cousas máis agradables que unha boa xuntanza de amigos arredor dunha mellor mesa. Istas dúas premisas conxugáronse o sábado á perfección. Resulta que a un amigo da Silva, na parroquia cercedense de Rodís, déuselle por celebrar unha cea na súa casa e convidou a preto de corenta comensais. Alí había de todo, a maioría xente nova chegada dende todos os puntos do país: Bergantiños, A Mariña, Arousa ou Valdeorras. A algún deles levaba anos sen velo, dende que marcharon os fermosos anos composteláns. A empanada, o porquiño ao forno e unha magnífica tarta fixeron a delicia da xente que comeu o que non está escrito. Tampouco faltou bo viño do Mencía e licorcafé traído por outro compañeiro dende as farturentas terras da Rúa de Petín. Eso si, houbo moderación porque a maioría tiñan que voltar á casa cos coches. Foi quizais por iso que comezaron a contar anécdotas sucedidas en controis de alcohol. Así souben dun caso, non sei se non se é unha lenda urbana, sucedido en Paiosaco. Un dos contertulios xuraba que fora certo. Resulta que unha parella de Tráfico parou a un matrimonio de emigrantes ingleses. O axente non se deu de conta de que aló os voantes van ao revés. O caso foi que en vez de soprar o piloto, ía un pouco piripi, a que sacou ar do fol foi a súa dona que non probara pinga na cea. Despois estivo o doutro, hai xente para todo, que despois de espetar o coche contra unha patrulla saíu, con paso dubitativo, berrando: «Non pasou nada. Tranquilo todo o mundo que me fagho cargho de todo o estropicio. Teño seghuro». Aínda non me imaxino a cara que lles debeu de quedar aos axentes esa noite.