Contra a tarde de sofá

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

08 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

LEVEI HAI uns días ata Baldaio a unha parella de amigos que nunca alí estiveran. Aínda que non o crean este matrimonio non vive moi lonxe da bisbarra, pero xa saben que todos ás veces pecamos de descoñecer o noso patrimonio máis próximo. O caso é que despois de xantar un frugal bocata nun bar desta parroquia carballesa, cunha discusión de fondo entre clientes sobre a política municipal, fomos andando ata a marisma. A auga da ría reflectía a cor borrallenta deste arranque de xaneiro. Nunha das pontes, un grupo de paisanos capturaban cangrexos metendo cabezas de peixe nunha especie de rede e un pouco máis aló, paseando polas dunas, algunha parella entretíñase bicándose ou ollando para as aves que se pousaban nas beiras. Como me imaxinaba, estes amigos, quedaron atordoados cando viron que naquel medio tan privilexiado había esas dúas pontes de formigón que deben ser das máis feas que quedan por todo o país. Dende Baldaio aproveitamos para irmos ata Razo e despois seguir rumbo a Malpica por unhas pistas que nos levaron ata Buño. A intención era subir ata o monte de Santo Hadrián para poder mostrarlles as Sisargas, pero unha brétema traidora non permitía ver moito máis aló de dez ou quince metros. Así que fomos dar un paseo á vila mariñeira que a esas horas sabía a tapas e a partido de domingo nos bares. Xa de volta, buscamos en Carballo o acubillo dun café para acabar de consumir o día. Despois cada un colleu o seu camiño, coa seguridade de que para pasar unha boa tarde de domingo pouco máis fai falla que abandonar esa preguiza de quedar guindados todo o día nun sofá. Para andarmos amolados xa chega con espertar as mañás dos luns.