Vacas con chaleco

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

09 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

ESTIVEN EN Corcubión a pasada fin de semana na casa duns amigos. Mercaron un piso preto do centro da vila mariñeira e dende alí pódese ver a fermosa ría que baña tamén ao veciño pobo de Cee. Sentín un pouco de envexa sobre todo o domingo ao mediodía cando os nosos anfitrións nos levaron pola zona de tapas. Con cada consumición non faltaron uns cachiños de churrasco, chipiróns e incluso, nunha taberna do municipio de Cee, veu unha vieira a alegrarnos a mañá melancólica e grisalleira. De volta, camiño de Carballo, colleume a noite na C-552, cun orballar cansino que facía, se cabe, máis pesada a conducción. Dispúxenme a guiar a modiño, vendo como me adiantaban algúns coches que, ou coñecían a estrada á perfección, ou pensaban que aquelo era unha autovía. Cada vez que circulo por esta comarcal sinto un estraño arreguizo que me fai estar alerta, sobre todo cando me atopo con esas leiras de herba que están no medio do asfalto. Sinto pánico de acabar co coche a pacer enriba deste raro exemplo de ecoloxismo. Hai meses propuxen nesta columna que a Xunta explotara economicamente estes prados viarios. Se se acordan, suxerín que puxeran vacas do país no medio da C-552, estes nosos animais en vías de extinción podían papar na herba e ser un reclamo turístico máis para a Costa da Morte. Daquela, eu dicía de pintar aos animais de fosoforiño para que os automobilistas se deran conta do perigo e mesmo que os xaponeses e pelegríns poideran sacar unha foto a cabalo das vacas por un módico prezo. Agora a solución pode ser máis fácil, en vez de pintar aos rumiantes podémoslles poñer os chaleques reflectantes eses que van ser obrigatorios para o vindeiro ano.