RADIOGRAFÍAS | O |
06 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.HAI UN par de días vin un neno en Carballo mirando para un escaparate como se estivera vendo un fenómeno extraterreal. Poñía a mesma cara que adoitan pór os lambonciños cara as larpeiradas. O neno, duns 6 ou 7 anos, pegábase a un cristal cheo de xoguetes coa ollada hipnotizada. Imaxinei a aquel neno repasando na almofada, entre soños, cada moneco, cada xogo, agardando a mañá do 6 de xaneiro. Debeu ser por iso que retrocedín a outro tempo no que cada día de Reis acostumaba poñer os meus zapatos cheos de millo na fiestra. Pola noite os camelos chimpaban o cereal e a cambio deixábanme os agasallos que lles pedira nunha carta moi formal que escribía uns días antes. Daquela o papa Noel non andaba instaurado por estes lares, tamén é certo que non entraramos na Unión Europea e as vías de comunicación incluso eran bastante peor que as de hoxe en día. Agora Papá Noel non ten problemas para vir pola comarca, ten os papeis en regra. Pola contra o rei Baltasar, polo que me contaron, está un pouco cheo de ter problemas cos documentos e por iso de non ser comunitario e ter a pel negra coma o carbón. Os tempos mudan unha barbaridade. Pois iso, que me entrou unha miga de nostalxia ó ver ó pícaro aquel con cara de papón como se quixera comer aquel escaparate cheo de xoguetes. O rapaz estará coa dúbida que sempre asalta ós pequenos: ¿Este ano virán os Reis?. Pois supoño que si, a pesar do efecto euro que pon os petos dos monarcas de oriente en números vermellos. Porque os Reis Magos, e eso os nenos non o saben, teñen que facer horas extras, privarse de certas cousas e incluso pedir un crédito bancario para que non lles falte algún agasallo.