TRIBUNA ABERTA | O |
02 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.HAI QUE saudar con esperanza a boa nova de que a Deputación xa ten vía libre para levar a cabo o tan agardado plan director de Dombate. Este plan é moi ambicioso e, de se levar a cabo tal como está previsto, Dombate converterase por fin no dolmen-estrela de Galicia, pois, se se leva adiante o previsto, aquí haberá un macroinvestimento de 900.000 euros. Na publicación Caminando entre dólmenes (Neria, 2002) xa detallamos as directrices básicas deste proxecto. Cómpre felicitar á corporación de Cabana por dar un bo impulso á definitiva recuperación do dolmen, continuando co xa iniciado pola anterior corporación. É moi loable ese firme propósito de que o destino do famoso megalito sexa prioridade para o Concello cabanés nos próximos meses. Así mesmo, xa era hora de que despois de tantos anos a Dirección Xeral de Patrimonio abandonase o seu inmobilismo e dese dunha vez o seu imprescindible permiso. É de agardar, así mesmo, que a nova Deputación non se durma e aprobe dunha vez as obras e poidamos volver ver ó descuberto a antiga mesa e as antigas antes deste verdadeiro totem da cultura galega, e tamén as milenarias pinturas do seu interior (se é que aínda quedan despois de catorce anos ó ventimperio). Emblemáticos A nova corporación provincial tamén ten nas súas mans o destino de lugares emblemáticos para Bergantiños e Soneira, pois é preciso concluír, darlles destino e abrir ó público as Torres do Allo, o Forno do Forte de Buño e os Batáns do Mosquetín; estes últimos, despois de catro longos anos, por fin restaurados na súa totalidade, pero falta aínda algo fundamental: un lugar para un pequeno ecomuseo-centro de interpretación, onde se poida expoñer, entre outros, aquela verdadeira xoia etnográfica que é a maqueta dun desaparecido batán de Servia (Lousame), doada pola familia dun falecido bataneiro (José Ces) para O Mosquetín. A maqueta está gardada desde 1999 en dependencias da Deputación. Noutra orde de cousas, tamén está pendente o famoso Parque Arqueolóxico da Costa da Morte, tantas veces anunciado pola Xunta. Esperemos que se leve adiante e que non sexa un producto propagandístico máis. Tanto a apertura ó turismo de Dombate como os lugares citados favorecerán a afluencia de visitantes á Costa da Morte, que boa falta fai. A ver se por fin podemos empezar a ver o futuro con optimismo. Dirección: Gran Vía, 84-1º. 15100 Carballo. Correo-e: redac.carballo@lavoz.es