Unha recompensa á creatividade

C. Abelleira CARBALLO

CARBALLO

En directo | Certame Galego de Artes Plásticas Unha nena de Carballo figura entre os 29 premiados no concurso anual que convoca a Dirección Xeral de Xuventude

22 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Os mozos enchen coa súa creatividade as paredes da Casa da Xuventude de Carballo. Noventa e seis das case dúascentas obras que se presentaron ó Certame Galego de Artes Plásticas poderán verse ata o 5 de decembro no edificio, que tamén nesta decimoséptima edición foi a sé do concurso que convoca a Consellería de Familia coa colaboración da de Cultura. O xurado non o tivo fácil. De feito, en varias categorías optou por conceder accésits. Especialmente chamativo é o caso da sección doutras modalidades artísticas, nas que concedeu catro diplomas a maiores dos tres premios de Ramón Casanova Fernández, de Monforte de Lemos, dotado con 760 euros; Antón Cabaleiro, de Santiago, con 610, e Ana Amenedo, tamén compostelá, con 460 euros. As mesmas cantidades corresponderon ós tres seleccionados na categoría C de pintura, considerada como a raíña do certame. O gañador, cunha pintura espectacular dunha vaca que en vez de leite dá Coca-Cola -destaca nada máis entrar na sala do segundo piso- foi Carlos Alfonzo Fernández, de Ferrol. A segunda foi a coruñesa Rocío de Urda Muñoz e o terceiro, o ourensán Andrés González. Os premiados, acompañados por familiares e amigos, encheron o salón de actos para recoller os seus galardóns. Na mesa presidencial, a directora xeral de Xuventude, Loreto Sanmartín; a delegada provincial de Familia, Rosa Gómez, e o secretario provincial de Cultura, José Antonio Gómez, aludiron á obriga das Administracións de promocionar as artes e destacaron a importancia deste tipo de certames para que os mozos poidan expresar a súa creatividade e para que compartan experiencias. Tamén acudiron a concelleira de Cultura, Belén Mato, e o director da Casa da Xuventude, Marcelino Collazo, que exerceu como presentador. Na exposición, inaugurada a continuación, poden verse obras de dúas nenas carballesas, Cristina Castro e Rosana Pombo, que acadou o segundo premio na categoría A da modalidade de debuxo.