RADIOGRAFÍAS | O |
06 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.Faltan xa poucos días para que se cumpra un ano dende que un barco veu poñer a toda Galicia contra as cordas. Supoño que agora é tempo dun debate profundo de todo o que significou aquelo. Quizais o fuel xa non sexa o protagonista nos areais e nos coídos, pero a ninguén con dous dedos de fronte se lle escapa que a volta á normalidade total vai para anos. Obviar isto é simplemente agochar os problemas debaixo das alfombras. O lema de Nunca Máis, que tanto se coreou durante meses, debe ser un referente para non volver pasar por un transo similar. Como en toda situación crítica, o desastre mostrou a mellor e a peor cara de todos nós. A Costa da Morte foi a zona cero, o referente informativo para o mundo, non era para menos. Nas retinas quedaron as imaxes dos milleiros de voluntarios que chegaron ata aquí coa ferramenta máis grande que ten o home: o corazón. Tamén quedou patente a solidariedade de miles de galegos que saíron á rúa para esixir medidas e responsabilidade para combater a marea negra. O máis triste, sen dúbida, foi esa frase paralela e sinistra de «outro máis». É duro que tivera que vir un barco recordar que a Costa da Morte durmía esquencida, arrolada só polo bater do mar. Un golpe máis a unha economía xa de por si deprimida, con respiración asistida, cos graves síntomas da emigración a Canarias e cuns servicios que avergoñarían a quen afirma que isto é un Estado de Benestar. Sería un escarnio, un esperpento valleinclanesco, constatar dentro de catro ou cinco anos que a zona máis afectada é a que menos compensacións percibiu para saír a flote. Pasaríanos como a aquel outro que ademais de levar os cornos apañou unha boa tunda.