RADIOGRAFÍAS | O |
18 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.ESTOU A escribir dende un ordenador prestado. Nin máis nin menos que dende Madrid, no barrio de Moratalaz para ser exactos. Atópome pasando uns días na casa duns amigos que viven aquí e que son excelentes anfitrións. Ista é unha das vantaxes destes mundos modernos: o feito de poder facer unha radiografía a seiscentos e pico quilómetros de distancia. Pasei a mañá polo centro desta cidade que para min, acostumado como estou á vida tranquila da comarca, é unha verdadeira xungla urbana. Antes houbo que atravesar boa parte de Castela e sentir esa soidade, case depresiva, que sempre me produciu cruzar a Meseta. Durante moito tempo tense teorizado sobre a influencia do medio xeográfico na personalidade dos individuos e abofé que ten que ser certo, polo menos en parte. Hoxe mesmo, paseando polo Madrid antigo atopei moitos locais hostaleiros que teñen nomes galegos e que ofertan comida do país. Os prezos, por suposto, máis caros: o polbo á feira marcaba na carta 16 euros. Tiven a mala idea de parar nunha cafetería da Gran Vía e pagar por unha auga e un refresco de cola catro eurazos. Debéronme ver cara de torista , que diría O Xestal. A iso do mediodía pasei pola famosa Carrera de San Jerónimo, chea de coches oficiais e policías de paisano parolando nas beirarrúas. Ó pasar por onda os leóns do Congreso, pensei na Costa da Morte e na necesidade de que as súas señorías se acorden das nosas infraestructuras; incluído o aeroporto para as viaxes sudamericanas dos seus homólogos de Fisterra. Hai que apelar ó forte corporativismo que existe na clase política. Para os que teñan máis fe quédalles ofrecer unha novena e sesión vermú a San Jerónimo¿