O abandono da obra do pintor de Borneiro

XOSÉ MARÍA LEMA SUÁREZ

CARBALLO

A ATALAIA | O |

16 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

LEO EN en La Voz de Galicia (edición do pasado día 12 de outubro, unha reportaxe de Antón Baldomir) que a obra do falecido pintor inxenuísta ou naíf de Borneiro (parroquia de Cabana de Bergantriños), Manuel Lema Otero, atópase nun lamentable estado de abandono, pois a súa familia non dispón de medios económicos para conservala. En calquera lugar, cun mínimo de aprecio polo patrimonio cultural, as propias autoridades locais poñerían os medios para salvagardaren a obra dun artista fillo dunha das parroquias, máxime cando foi recoñecido en vida cun importante primeiro premio outorgado por rigorosos especialistas. Pero aquí aínda hai que esperar a que uns particulares se poñan a recoller firmas, sendo como é de supoñer que para resolveren casos coma este están os concelleiros de cultura e os técnicos do ramo. Cando lin a noticia, volvín darlle unha ollada á luxosa monografía de 184 páxinas e unha chea de fotos a toda cor que en 1999 publicara a Deputación da Coruña sobre a vida e obra do artista-encofrador (¡a moita honra!). O seu título fora Manuel Lema Otero: Manuel do Monte, o home dos pitos, pintor naíf , e o libro debe estar en todos os fogares cabaneses (¡ata sería ridículo que da obra dun artista contemporáneo só quedara como testemuño a reproducción fotográfica e se perdesen os orixinais!). Vida e obra O propio Concello de Cabana encargara a investigación da súa vida e obra e solicitara a publicación; de todo isto encargárase Xosé Manuel Varela Varela, daquela técnico cultural contratado. Varela tamén realizara por aqueles anos (entre 1997 e 1999) outras publicacións sobre o Concello de Cabana e os seus personaxes máis coñecidos (entre elas unha guía do concello e a biografía do crego folclorista Saturnino Cuíñas), pero todo isto non abondou no seu día para lograr a praza de técnico cultural do Concello Dolmen de Dombate Estou seguro que de continuar el alí non estaría a velas vir (como parece que se está), vendo como queda no esquecemento a obra dun artista cabanés, máxime sabendo que mesmo a visita á súa casa é un motivo de atracción turística para moitos visitantes que se achegan a contemplar o cerre enreixado -¡outra cousa non poden ver!- do dolmen de Dombate. E, xa que falamos do máis famoso monumento megalítico de Galicia, cómpre lembrar que xa non son trece senón catorce os anos que leva coa burka (Xosé María Varela dixit ) ocultando «a súa antiga mesa, as súas antigas antas». O Plan Director deste monumento emblemático debera de ser un dos motores de recuperación económica para a comarca de Bergantiños e toda a Costa da Morte, pero non pasa nada, ninguén di nada. Non vaia ser que a superioridade se moleste.