RADIOGRAFÍAS | O |
02 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.NA PASADA Feira do Libro de Carballo estiven unha tarde dando unha volta pola praza a ver se atopaba algo para facerlle un agasallo a un amigo. Mentres estaba parado diante dunha caseta, o libreiro comezoume a falar das novidades editoriais que había. Non sei como, a conversa foi dando pinchacarneiros e acabamos a falar da crise do sector. Cada vez véndese menos, dixo. Inmediatamente fixo algunhas reflexións sobre o feito e unha delas chamoume poderosamente a atención. -Cando eu era pequeno a frase de moda era «o tempo dáo Deus de balde» e agora dende hai uns anos trunfa a oposta: «O tempo é ouro». A comparación era tan extremadamente sinxela como lúcida. Recordei ter oído centos de veces a frase de «o tempo é de balde» na boca dos máis vellos, que adoitaban convencer a un con esta expresión para que ficase contando uns contos. Como contraposición, a vida actual é unha continua loita contra o reloxo: ¿Porque pasar un par de días cara un libro cando unha película dura noventa minutos? Intentamos aforrar tempo en cada un dos actos da nosa vida: pisarlle ó coche para chegar cinco minutos antes ó noso destino, botar un canivete ultrarrápido para poder ver a Teletienda, quentar a comida á présa no microondas para ter máis de descanso... ¿Realmente aproveitamos o que facemos? Apúntese a outra filosofía de vida: reláxese conducindo a modo, casquetee «adispacio e con boa letra» coa súa parella, saboree un caldo de nabizas deses que non existen aínda nos hipermercados e adormeza deixándose bicar por as páxinas dun bo libro. O tempo, como me dicía aquel libreiro, é de balde. Polo menos ata que a algún se lle dea por meterlle o IVE e mailo IRPF.