A placa e a mámoa

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

16 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

AS COMARCAS de Bergantiños, Soneira e Fisterra saben ben o que é que lles saqueen o seu patrimonio histórico. Un dos casos máis próximos no tempo foi o roubo da Pedra do Oso en Camariñas, felizmente recuperada, e tamén son numerosos os cruceiros desaparecidos, as mámoas arrasadas ou os tesouros submarinos espoliados durante as últimas décadas. Non crean que o fenómeno é soamente inherente á Costa da Morte, sucesos coma os antes mencionados suceden case a diario por todo o país. Esta mesma semana estiven no municipio de Frades, onde unha empresa importante arrasou unha medorra catalogada pola Consellería de Cultura. Na comarca de Ordes, coma en Bergantiños, hai espalladas ducias de mámoas ou medorras, que é o nome que reciben os sepulcros prehistóricos, arredor de cinco mil anos de antigüidade, formados por un montículo artificial de terra e que acochan no seu interior unha anta ou un dolmen. Falando cun historiador local comentábame o caso, anecdótico, dunha mámoa violada e agredida na parroquia de A Senra, concello de Oroso. Sobre un lateral do montículo o Instituto Geodésico Nacional construíu un vértice xeodésico (366 metros) e, paradoxicamente, colocaron unha placa que advirte: «La destrucción de esta señal está penada por la ley».