Devolvede o coello

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

15 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

ESTOU REBENTADO, feito un mar de bágoas, por nacer nunha zona tan fagocitadora e desagradecida. Como comprenderán, a razón da miña transitoria depresión débese a que souben por Eduardo Eiroa do roubo do famoso coello de Laxe. O domingo, na Mariña lucense, comprobei que uns desalmados secuestraran a un animaliño que nos fixera saltar ás perentorias páxinas dos xornais, mentres estaba tomando un café, uns paisanos rían co conto. Para min, como xa dixen, é motivo de pesar, róubannos os megalitos, os cruceiros, a alma... e agora un bicho único en Galicia, que ata fixo correr ós cans e ós xornalistas televisivos (non estou facendo ningún paralelismo). Pídolle ós delincuentes que non maltraten a un coello que xa comezaba a ser un mito da bravura que acochan as nosas terras. Señores, o Asterix non ten culpa ningunha, déixeno tal e como o encontraron, cousas dabondo sufrimos nos últimos meses como para ter unha nova perda. ¿Qué mal puido facer? Non atopo explicación para esta acción tan vil. Hai quen pensa que o roubaron os de Crónicas Marcianas e que o roedor laxense se convertirá na próxima tempada nunha estrela dos late-shows. Sexa como sexa, pídolle á corporación de Laxe que tome as medidas legais correspondentes.