RADIOGRAFÍAS | O |
11 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.QUEDEI ATOALLADO ó ler a crónica de Eduardo Eiroa na que se fala dun coello rabudo que hai nunha parroquia de Laxe. Resulta que trouxeron ó condenado do coello para adestrar ós cans de caza e o bicho puxo firme á manada canina coma se fora o seu particular rexemento. Contan que máis ca un animal asustadizo semella un pit-bull e que incluso mandou ó médico a un paisano ó que trabou nunha canela coma se roera unha verza. Agora si que van ter que vir os de Medio Ambiente pola zona porque o que está a pasar coa fauna da bisbarra non é moi normal. Recorden que hai uns días eran os veciños de Cabana os que denunciaban que os cochos bravos se dedicaban a facer o seu particular botellón entre o millo ás tantas da noite. Non hai moito tamén lles falei duns veciños de Tordoia que andaban á caza dun becerro que quería vivir coma Tarzán polos montes da zona, alleo á vida sedentaria dos seus conxéneres. Esixo rápida e publicamente, dende esta columna, que de Santiago manden unha brigada de biólogos, estilo CSI, non vaia ser que esto teña algunha relación co vertido do Prestige. Porque xa me dirán se non hai indicios preocupantes de mutación nas especies: os xabarís bailando a yenka ata as tantas, un coello trabando a todo quisque que se lle pon diante dos fuciños, un cucho que se volveu hippy e aquel oso de Camariñas que marchara á Coruña de copas hai uns meses. Solicito un estudio rigoroso, a intervención do mesmísimo Ángel Cristo se é preciso. Teño medo que o andazo pase á cadea alimenticia e acabe afectando ós políticos. Xa o dicían os vellos: «calquera día hanse virar os coellos ás escopetas». Ten que ser cousa do chapapote.