Baixar do cabalo

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

29 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

COÑECÍN XENTE que buscaba o paraíso enriba dun papel de aluminio. Fumaban prados de cabalos e amapoulas mentres ían cavando a súa propia fosa. A droga era ese camiño incerto cara os abismos. Coñecín outros que levaban pegadas nos seus coches deportivos bágoas de moitas nais, afeitas a recorrer ós avogados de oficio cada vez que o rapaz tiña problemas, tipos vestidos de roupa cara e asiduos da vida social, que tiñan como único mérito colocar nas rúas toneladas de droga. Tamén coñecín a loita de moitos por liberarse dunhas cadeas que pesaban demasiado. A man tendida doutros que axudaba a pasar os tremores da falla de substancia nas veas. Houbo un tempo no que as agullas furaban os brazos de demasiada mocidade da Costa da Morte, un terreo abonado para atracos cos que costearse unha papelina e viaxar pola folla afiada da morte. O macabro asasinato dun taxista na comarca require da lóxica xustiza, pero tamén é unha triste chamada de atención para unha sociedade que non quere ver a marxinalidade dun mundo terrible e próximo. Quizais haxa que pedir maior rigor para algúns delictos, pero isto só vale de pouco se non vemos que tamén é precisa a man tendida, para os que queiran baixar dese cabalo desbocado.