RADIOGRAFÍAS | O |
11 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.LUÍS QUERE ter un coche. É a súa ilusión máis grande. Acaba de cumprir dezaoito anos e anda a voltas co carné. Merca revistas de automobilismo e fai as súas contas para saber canto lle custará. Estes días está cos cóbados enriba do libro. Xa lle tarda ter o permiso de conducir no peto. Cando esta fin de semana me dixo que a cousa que máis desexaba no mundo era un coche deportivo fíxome pensar. O coche que lle gusta ten un prezo de máis de 21.000 euros e leva aforrando case dous anos, dende que comezou a traballar con dezaséis anos nunha empresa da bisbarra. Na escola foi a trancas e barrancas. Estaba moi seguro de que os libros non eran o del, agás os da autoescola, por suposto. A nai colleu un pouco de carraxe porque quería que o rapaz aprendera unha profesión. Diante das continuas negativas conseguiu metelo nunha empresa de Carballo por mediación dun seu tío que tamén está alí empregado. Como Luís me contou con toda a franqueza o de que ía mercar o coche, eu tamén quixen ser sincero con el: «¿Que falta tes de empeñarte ata as orellas?». Non sei o que gaña cada mes pero estou seguro que o coche que quere vai ser a súa particular hipoteca durante anos. A preocupación de pagar un seguro a todo risco, botarlle abondante gasolina a esa recua de cabalos, cruzar os dedos para non esmendrellarse... Deixeino nas súas ensoñacións. Dentro de pouco buscará sitio onde aparcar o bólido relocente os sábados á noite, pola rúa da Estrella ou Ponteceso. Intenteino por última vez, recordeille que tiña un contrato a fin de obra... O mozo ríase, como seu eu non entendera nada de nada. Para el o coche é sinónimo de liberdade e, o que máis me doeu, de «prestixio».