Acabou o descanso

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

04 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O XOVES foi a miña última xornada de lecer, co mes de xullo remataban as vacacións. Escapei para a praia que me queda máis cerca, léase Razo. Pola area podíanse ver as galletas dun barco que xa marcou un antes e un despois na comarca. Así que no último día de descanso acordeime das medallas de Galicia todas, incluso tiven pensamentos rabudos e case delictivos ao ver a planta do pé bronceada co chapapote. Entrei a formar parte desa xa extensa tribo dos pés negros, dos aborixes rebozados, dos nativos con mácula, ou como queiran vostedes chamarlles. E falo dos autóctonos porque os visitantes non veñen. Fallou a teoría balsámica do turismo solidario que supostamente traería a tan desexada inxección de euros. Dende logo, non lles podemos botar a eles as culpas, ¿vostedes irían pasar as vacacións a unha costa que hai menos dun ano sufriu unha catástrofe medioambiental de campionato? ¡Sexamos serios! Que o Prestige ía traer consecuencias negativas na nosa economía a curto e a medio prazo sabíao calquera, incluso os que o negaban con vehemencia. Marelo Por iso cando ao solpor cheguei cabreado á casa, o Marelo botou unha risiña polos fociños, coma can vello que vén sendo. O moi lercho dedicase ao turismo de montaña, a rañar impunemente as súas partes e a sonequear á sombra das casas. Viñéronme ganas de dicirlle que a súa posición de escéptico recalcitrante é moi fácil, recordarlle que aínda hai uns meses rexoubábase do anuncio das obras na estrada Carballo-Ordes. Subín para a ducha sen botarllo na cara, tiña medo de que me lembrara a fin das vacacións e que el, o mes de agosto, seguiría sen patrón, sen horarios e de turismo rural permanente.