RADIOGRAFÍAS
02 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.VÉN QUENTE este arranque de agosto. Moitos son os que andan de varanda, pero tamén seremos milleiros os que laboremos entre temperaturas que fan ferver o sangue. O verán tamén existe nas oficinas, no agro, nos talleres, nas fábricas ou enriba dun barco. A maldición bíblica de gañar o pan coa suor da fronte, por culpa dunha misérrima mazá, tennos ben amolados. Non se preocupen e acudan ó traballo co mellor humor posible. Cando pasen preto dunha praia ateigada miren para outro lado, como se non fose con vostedes a cousa. Se o xefe segue con cara de terminator cabreado, ignóreo e deséxelle felices vacacións. Cando lea nos xornais as ofertas á costa de Cabo Verde ou a Cancún, métase na bañeira e abra a billa da auga fría, adoita ser efectivo. Ademais sempre quedan os sábados á noite. Quizais apareza un príncipe ou unha princesa bronceados, sen máis problemas que os de estar guapos por fóra e por dentro. Alugue para ese día un coche de importación, un «polideportivo» de marca «ben me ve», que diría o outro. Actúe de famosete por Ponteceso, Cee, Malpica ou Carballo, toda la noche hasiendo el amol, é o que se leva, hai que adestrarse para ser portada nas revistas do corazón.