Momia embadurnada

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

CASAL

RADIOGRAFÍAS | O |

22 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

HOXE ESTOU a escribir a radiografía fóra da comarca. Viñen pasar tres días a Bueu, no Morrazo. Utilizo un cyber que a estas horas da mañá xa está cheo de rapaces que xogan nos ordenadores ou chatean por Internet. O primeiro que fixen foi ler a edición dixital de Carballo. Istas son as vantaxes dos novos tempos. Aquí en Bueu hai bastantes turistas aínda que a xente tamén se queixa, coma na Costa da Morte, que este ano baixou o número de visitantes e non dubidan en botarlle a culpa ó barco que nos tivo en vilo durante os últimos meses. Polas rúas da vila hai salas con exposicións de fotos e vídeos nos que se mostra a loita dos mariñeiros contra o fuel. Onte cando cheguei fun ata a praia de Agrelo. Máis que nada había familias e moitos nenos xogando dun lado para o outro sen parar. Mentres uns buceaban outros pelexaban onde as rochas por coller nécoras e caramuxos. Ó meu lado había un neno cunha mamá hiperactiva que non paraba de botarlle crema, darlle iogures e avisalo de que tivera coidado por todo. O rapaz estaba medio amargado, non me estraña case me deprimo eu, ollando para os que andaban ó seu aire brincando. Escoitei o nome do cativo como trescentas vinte veces, Anxo para un lado, Anxo para o outro, factor sesenta a cada minuto e o neno parecía unha momia embadurnada. Pobriño, pensei, en vez de vacacións parece que está nun campamento dos boy scouts. Norma vai, norma vén. Ela vixía constantemente ó rapaz, que está cos milindreques ó aire por prescripción materna. Veñenme ganas de levar ó neno canda min de volta, ir a Razo e liberalo aló. O caso é que se vén é capaz de empanar a todos os de Bergantiños.