Mensaxes e sartegos

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

21 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A SEMANA pasada tiven festa en Rodís e non puiden evitar sentirme enchoupado dun chauvinismo exacerbado que só durou un día. Para os que non coñezan esta parroquia cercedense direilles que é a que marca o paso, unha especie de fronteira ficticia, entre as comarcas de Ordes e Bergantiños. En Carballo a zona é coñecida como A Montaña. Non é para menos. A pena Cedeira, cumio da serra de Montemaior, con 600 metros de altitude é o punto máis elevado da zona. A parroquia, grande e farturenta, divídese en dúas partes, A Baixa e A Cima, que coma en tantos outros sitios da comarca manteñen unha rivalidade, xa de vello, que soe dar lugar a numerosas chanzas. Entre os convidados á festa tiven un bo amigo que pertence á Cima e que soltou varias trangalladas na mesa para facer escarnio dos da Baixa. Nada novo nun día tan sinalado. Por suposto que o duelo non pasa de agudos intercambios dialécticos entre pratos e risas. Á noite chegou a verbena. Mozas, mozos e vellos mesturados no adro da igrexa. Os máis cativos facendo apocalípticos experimentos cos petardos ou repugnando con trompetas de xoguete. Algunha mociña nova bailando dubitativa, a unha distancia media entre a mirada inquisitiva dos pais e o rostro impaciente dun mozo que torpemente agarda. Todo cambia para que todo siga igual, dicía o filósofo. Polas beiras do cruceiro ou enfronte da fermosa igrexa románica brincan os nenos; un pouco máis aló, sentados enriba dun milenario sartego de posible orixe sueva, os adolescentes mandan mensaxes dende os seus móbiles último modelo, mentres a orquestra rende homenaxe a Puchiño Boedo con «a Santiago voy». Meu fillo, ¡que voltas dá a historia!