RADIOGRAFÍAS | O |
15 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.TEÑO UN libro polo que sinto unha debilidade especial, trátase da primeira edición de Por os vieiros da saudade de Ramón Otero Pedrayo. A obra foi publicada en Galaxia aló polo 1952 e eu atopeina inesperadamente un día no faiado. Como veu parar este libro á casa non o sei, aínda que unha das miñas hipóteses é que meu avó o adquirira nunha feira, quizais en Carballo ou Ordes. A xente que impulsaba a editorial Galaxia exercían de auténticos militantes da cultura e era frecuente que acudisen coas obras ás feiras. Quizais a raíz disto, veume o gusto polos libros vellos e as primeiras edicións. Merquei algunha, pouca cousa, obra curiosa e frecuentei bastante as librerías de vello compostelás. Convertinme nun simple voyeur, porque para comprar hai que ter unha carteira a proba de sustos. Desa época teño gravado o recordo dun home entrando nunha librería. Viña impecablemente vestido, con pinta de dandi e con evidentes síntomas de nerviosismo e tristura. Na man dereita cargaba unha pesada maleta coa que pasou para a trastenda. Decateime de que algunha mala xogada o levara a desprenderse dun anaco da súa vida; aquela que foi vivindo ó compás dos soños que abrollan dos libros.