O mirador | Encontro cultural A asociación cultural Monte Branco de O Couto visita en Gres ó coñecido escritor, a súa fundación, o museo e a biblioteca da localidade de Vila de Cruces
12 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Medio cento de persoas ten previsto saír hoxe en autobús cara Vila de Cruces para ter un encontro cultural co escritor Xosé Neira Vilas. Á cita tamén acoden pola súa conta, en vehículos particulares, outra vintena de admiradores do autor de Memorias dun neno labrego . A viaxe a Gres, localidade onde naceu e onde reside o literato, comeza á unha da tarde coa visita ó museo etnográfico e á biblioteca da Fundación Neira Vilas. Os membros da asociación cultural Monte Branco teñen previsto entregarlle uns agasallos e, despois, compartir mantel co escritor e a súa dona, Anisia Miranda. Pola tarde, despois da sobremesa, a excursión pontecesá vai ata a aldea de Piñolo para escudriñar na casa-museo do escultor Paco Lareo. Ademais, hai tempo para o lecer, xa que está prevista unha pequena viaxe ata as insuas do río Ulla, cauce que divide Boqueixón e Vila de Cruces. Ás sete, na sala Luis Seoane da Fundación, actúan os grupos da asociación cultural e a xove Tamara Lema Rodríguez escenifica o monólogo Eu son Balbina , co que acadou un premio a nivel galego. O coro de O Couto tamén interpreta varias composicións de taberna, ademais pasaxes do libro Cantarolas , para rematar co Himno Galego. O regreso a Ponteceso está previsto para as nove da noite. Encontro cultural con Neira Vilas Gres, Vila de Cruces. Todo o día.