Aí está a chave

RAFAEL MOUZO LAGO

CARBALLO

VEN A CONTO | O |

09 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

PASARON MOITAS cousas en pouco tempo desde que aquel 13 de novembro o Prestige , símbolo internacional da cultura da billeteira e do poder, nos deixara un agasallo de Nadal anticipado. Foron unhas grandes labazadas para a Costa da Morte, víctima, novamente, da piratería mundial, da bandidaxe e doutras especies disfrazadas de empresas pantasmas. Moitos voluntarios/as achegáronse a nós en actitude de solidariedade; traballaron a reo e dormiron en condicións duras e difíciles. Fomos uns cantos os que tratamos de darlle unha acollida, ó máis digno posible e foron moitos máis os que miraban como parvos, impasibles e con ciumes, mentras eles arrancaban miles de toneladas de chapapote, sen horario, sen condicións e sen salario. Dos de arriba poderiamos esperar calquera cousa das que xa estamos acostumados. Dos voluntarios recibimos o calor humán e toda a forza colectiva, pero moitos dos de eiquí ¿qué recibimos? ¿Cal foi a resposta dun pobo que trataron de someter? ¡Ate os cans se volven contra os seus amos cando lles pegan! Moitos se laian porque lle foi concedida a Medalla de Galicia a Álvarez Cascos, pero ¿non creedes que houbo moitísimos cómplices nesta concesión? Lamentable espectáculo demos ó mundo. A sociedade queixase dos políticos que temos; das traxedias que sucenden, etc. Hoxe poido decir con toda a consciencia que os pobos teñen o que conquistan día a día. Os políticos saen da nosa sociedade, non os importamos do estranxeiro. Nacen, crecen e se alimentan de nós e son o puro reflexo do noso ser. Pero como aínda queda xente con principios e dignidade, xente que estivo traballando ó lado dos voluntarios, que non se deixou mercar polo trigo de hoxe e a fame de mañán e non está dacordo con esa medalla, eu lles propoño que se cre a condecoración Percebe Chapapote para os persoeiros que destacaron polo seu despropósito, a súa complicidade e por aproveitarse dunha traxedia. Algúns aceptarán porque será unha fábrica de condecoracións e, polo tanto, unha das poucas industrias que se crearán na Costa da Morte. Seguro que terá futuro. Dirección: Gran Vía, 84-1º. Correo-e: redac.carballo@lavoz.es