RADIOGRAFÍAS | O |
23 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.ANDA CARBALLO no frenesí do San Xoán, entre olor de sardiñas e lume purificador en cada esquina. Unha semana de foliada para renderlle tributo ó patrón da localidade e atoparse cos amigos polas rúas. Os problemas diarios quedan aparcados neste breve paréntese. É hora de facer o esconxuro para afastar as meigas e os tangaraños que andan entre nós adobiados das máis maquiavélicas formas. Cando estou a escribir xa falta pouco para a noite máxica de aturuxos, danza, queimada e saltos temerarios por riba das cachelas. ¿Quen dixo que o galego non é alegre? Prepárome para participar nos actos da miña tribo porque sei que o verdadeiro cambio de ano prodúcese este día e non o trinta e un de decembro. Que as toradas de eucalipto (árbore máis representativa) se encarguen de facelas labaradas onde se queimen as enerxías negativas: sapos, bruxas e prestiges fuxide de aquí; para librarse dos políticos rabudos, bilitroques e herba de anís; para que se calme o xefe que berra de luns a venres, espadanas e loureiro; para sacar de enriba ós inspectores de facenda, unha ola e media de queimada; para que teñan paciencia os que gardan a cola do paro, roscas e queixo do país para facer levadeira a espera; para que se acorden en San Caetano das nosas estradas, unha pota de sopa de allo e un feixe de fiúncho... Ben sei que hai moitos máis esconxuros que se fan ó longo de estas festas aínda que o principal é quedar ben expurgado de tantas e tantas trapalladas diarias. Cada un sabe as súas. Deixo de escribir porque a estas horas xa están estourando os foguetes que chaman ós festeiros á cachela: que neste ano non nos morda nin cobra nin can.