O CARTAFOL | O |
17 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.OS PAIS somos os primeiros responsables da educación dos nosos fillos. Digo esto porque o comportamento dos rapaces é máis que negativo en determinados lugares onde se pide silencio e atención. Non hai máis que asistir a algún concerto do Palacio da Cultura de Carballo para decatarse de que o sistema educativo que empregan as familias para correxir a actitude dos seus descendentes non é o adecuado. Anque se trate de xoves intérpretes, necesitan a atención, o recoñecemento e os aplausos dos asistentes. É inadmisible que algúns nenos se levanten e paseen alegremente polo patio de butacas ante a mirada impasible dos seus pais (presuntos educadores). É inadmisible igualmente que se confunda a butaca dun cine ou a cadeira dunha biblioteca co sofá da casa, onde probablemente anden a saltos cos zapatos sucios por non tomar a molestia de poñerlles unhas zapatillas. Algúns non van ás salas de cine a ver unha película. Van só comer flocos de millo e beber Coca-Cola con palla. Fan comentarios en voz alta e non deixan escoitar. Cómpre corrixir esta actitude canto antes porque pasados uns anos xa será tarde para conseguir que os nosos fillos sexan cidadáns exemplares, educados, respectuosos co contorno e coas demais persoas. Ás veces vémenos desbordados e non sabemos cómo encarrilar ós rapaces e deixámoslles a responsabilidade da educación ós profesores. Hai quen chega desesperado ós centros pedindo axuda porque os pais, din, xa non saber qué facer. Esto quizá sexa así por non tomar as medidas necesarias a tempo. Nos colexios e institutos, os ensinantes fan todo o que está nas súas mans e o que é da súa competencia. Non estaría de máis que houbese un maior entendemento e coordinación entre familias e profesionais do ensino. Nalgúns casos os problemas precisan da axuda dun psicólogo para traer ós desorientados ó bo camiño. Nestas desviacións da conducta ten parte de culpa esta sociedade que non valora a educación. Vese xente que se comporta de forma incorrecta por todos os currunchos. Fai falta a colaboración de todos para construír unha sociedade limpa e comprometida cos valores cívicos.