A noite confundino

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

12 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

XA ESTÁ de volta o Oso en Reira. A foto de Casal non deixa dúbidas: está avergoñado da que se armou por botar unhas canas ó aire. ¡Meu pobre! ¡Portada canda os escándalos políticos de Madrid! Onte á noite pegueille unha chamada ao móbil e estaba ben afectado. Contoume todas as peripecias que lle pasaran, en exclusiva. Todo comezou hai unhas semanas cando se lle deu por facer autostop. Quería pasar unhas vacacións que o liberaran de tanto chapapote. Pasou un camión dos da limpeza e como o coñecían de vista levárono. Tivo a tentación de pedir que o deixaran en Carballo, pero como andan cos pactos... Na Coruña visitou a unha amiga do Castrillón que estivo de voluntaria en Camariñas e fixo algunhas xestións para ver se conseguía algunha subvención na Delegación de Cultura. O de sempre: recomendáronlle un curso do Inem. O sábado foi de esmorga. Estivo comendo minchas e bebendo ribeiro pola zona dos viños. Despois baixou ó Orzán con uns de Xaviña. Bailou unhas arrepichocas e coñeceu unha tal Nuria, un pouco pija, que seica o transtornou coa célebre frase de «el hombre y el oso...». O que aínda non se explica é como perdeu a pata dianteira. A noite confundiuno.