O CARTAFOL | O |
09 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.O BAIXO prezo do leite é noticia sempre. Fálase da necesidade de modernizar as instalacións, pero non se fala tanto do investimento que teñen que facer os labregos que están á fronte de explotacións pequenas pouco rendibles pero necesarias para a supervivencia dun sector que cada día o ten máis cru para saír adiante. Pasa o mesmo que coas patacas: sen un prezo mínimo non se xunta para gastos. Recordo a situación de moitas casas de labregos con poucos recursos nas que facía falta un pouco de todo para subsistir e para poder cotizar á Seguridade Social e ter a tranquilidade de chegar á vellez sen agobios, anque en moitos casos só podía cotizar un membro da familia, polo que despois tiñan que vivir cunha única pensión ou solicitar unha mísera pensión non contributiva. Así que, ademais das patacas, había que botar man dun par de caldeiros de leite, un par de cuchiños ó ano, uns ferrados de trigo e mesmo a palla, pois ó final do ano vendíase a que sobraba; utilizábase para facerlle a cama un pouco máis cómoda ós cochos con que non tivesen que deitarse directamente enriba do toxo espiñento co que se estraba o cortello. Engado que os rapaces incluso coidaban uns coellos que se vendían na feira de Carballo co fin de xuntar unhas pesetas para ir ó cine Rega e mercar pipas e caramelos. Vida mellor Agora as explotacións pequenas non teñen nada que facer máis que ir morrendo sen remisión. A xente deixa o campo porque non dá. Vaise buscar traballo ás cidades para conseguir unha vida mellor. O problema acentúase coa nova lei de urbanismo que prohíbe construír unha casiña no campo cerca das leiras. Supoño que ninguén optará por mercar un piso, poñamos por caso en Carballo, e desde aquí desprazarse para facer as tarefas agrícolas. No comercio do leite a peor parte tócalles ós gandeiros. Os productores da materia prima van tirando como poden, malamente. Sabémolo ben os que non temos máis remedio que mercalo no supermercado a prezo de ouro se o comparamos co prezo de orixe. A mellor parte, logo, lévana os intermediarios, as industrias, como sempre, tendo en conta tamén o prezo de todos os productos derivados do leite, como os iogures ou o queixo. Se se quere que o campo rexurxa con forza, hai que darlles saída ós productos da terra para que a agricultura se convirta nun medio de vida digno.