Non pasa nada

XOÁN POSE VIÑA

CARBALLO

O CARTAFOL | O |

28 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O LEMA progreso constante non lle acae moi ben a Carballo. Á nosa vila chámaselle amigo , supoño que será porque a árbore que leva ese nome é do xénero masculino. O Palacio da Cultura é unha gran obra, sobre todo para ir xogar a partida cando sexamos uns pobres xubilados se é que chegamos aló, pero as deficiencias na distribución do espacio (de sensacións ) están desilusionando ó máis pintado. Nos folletos distribuídos polo Concello con picardía, Carballo parece máis ben (resístome a chamarlle cidade) unha vila virtual deseñada no ordenador dun pillabán que quere convencernos de que vivimos un soño, como se estivésemos aló polo Caribe ou por calquera lugar deses de ensoño que nos venden moi ben vendidos as axencias de viaxes. Algo se fixo, si, non lle quitemos o mérito e valor ás obras realizadas porque sería inxusto, pero non se pode enganar así desa maneira ós cidadáns para que traguemos co que nos dan sen poñer ningún reparo. As cousas sempre se poden facer mellor. Conclusión: sobre o papel (mollado) todo é moi bonito, adornado, empaquetado. Así véndese ben o producto. Todo está cheo de vida, non se ve ningún defecto por ningún lado. Incluso se di que a feira é vida. E claro que o é, pero non se di nada do emporcallada que queda a praza do Concello. Pasa como nos escaparates dos comercios: chámannos a atención pero cando entramos todo é distinto. O outro gran lema Galicia está viva e ten futuro tampouco non lle acae á Costa da Morte porque os efectos do Prestige aínda han de tardar en desaparecer por moito que digan os picos de ouro de determinados políticos que queren corrixir os seus erros custe o que custe con palabras falsas e baleiras de contido. No folleto do Plano Galicia aparecen unhas persoas cun gran sorriso de felicidade, con bo aspecto, boa vestimenta. Pero non se ve o lado escuro da sociedade, da clase traballadora triste, mal pagada e mal vestida. Por moito que digan, ese proxecto non vai resolver as necesidades primordiais dos cidadáns afectados polo chapapote. Fálase de millóns como se fala duns patacóns, pero despois desaparecen por arte de maxia e non se ve ónde foron investidos. Quizá se perdan polo camiño. Pero había que facelo así en tempos previos ás eleccións. Para máis chanza, andaron dicindo por aí que estas non eran as eleccións da guerra nin do Prestige . Agora, se ninguén o remedia, todo quedará paralizado, en silencio, e aquí non pasou nada. Dirección: Gran Vía, 84-1º. Correo-e: redac.carballo@lavoz.es