Nenos de Carballo, Malpica, Vimianzo e Laxe participan en encontros cos autores e campañas de animación á lectura
22 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Nalgúns concellos da Costa da Morte resístense a pechar os seus programas culturais dedicados ás Letras Galegas. Onte, no colexio Leus de Carballo, os máis pequenos tiveron un encontro coa escritora Fina Casalderrey, quen departiu cos rapaces igual que xa o fixo a semana pasada Pepe Carballude. E como a literatura tamén é diversión, no colexio de Baíñas, en Vimianzo, preparan para hoxe unha sesión de animación literaria a partir das cinco da tarde. Tamén hai unha actividade similar na biblioteca e na ludoteca de Carballo a partir das seis e media. Os encargados de representar o contacontos O doutor Cami é a compañía Trinke Trinke, xa coñecida polos máis pequenos. No Pazo da Cultura desta localidade, pero máis tarde, ás nove da noite, poderanse escoitar os ritmos jazz e swing da Big Band do conservatorio. A entrada, por certo, é gratuita. Tamén con música continúa no municipio de Malpica o programa das Letras Galegas: ás doce e media actúan Paco Souto e Serxio Moreira co espectáculo titulado Avilescanto , no instituto Urbano Lugrís. Por outro lado, en Laxe rematan hoxe a súa programación do Mes das Letras Galegas coa proxección da película A lingua das bolboretas , dirixida por José Luis Cuerda, con Fernando Fernán Gómez e Uxía Blanco, entre outros. A sesión é ás oito da tarde no salón de actos municipal. A entrada tamén é, neste caso, gratuita.