Os centros escolares adiantan á xornada de hoxe os seus actos festivos
15 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Os centros escolares da zona volcáronse un ano máis na celebración de actos en homenaxe ás letras galegas e ó autor ó que se lle dedica este ano o día, Antón Avilés de Taramancos. As obras de teatro, os recitais poéticos, os concursos escolares e incluso os xogos serán os protagonistas dunha xornada na que a cultura e a diversión irán da man. Así, o instituto Alfredo Brañas de Carballo adianta as celebracións á xornada de hoxe con diversas manifestacións culturais. Ás 12.00 horas, o escritor e ensaísta bergantiñán Miguel Mato Fondo pronunciará unha conferencia sobre o poeta de Noia. Con posterioridade, os responsables do centro presentarán a revista Pomba dourada, para a continuación entregar os premios do concurso literario Manolo Lado e do certame de fotografía convocado pola asociación de pais. De seguido, un recital poético dedicado ó mar, e cerraranse as celebracións do día coa actuación do grupo de gaitas Fol de veneno. En Malpica, onde onte dou unha charla Fernando Cabeza, a dirección do Milladoiro tamén programou para hoxe unha variada xornada na que se combinan actividades lúdicas e culturais. Os alumnos de sexto, baixo a dirección de Fernando Moreno poñerán en escea a obra de Antón Cortizas O coleccionista de sombras. Despois interpretarán a habanera Malpica ten... de Carmen Garrido. Na mesma xornada, farase un sorteo para poñerlle nomes ás aulas. Tómbolas, xogos e regalos poñerán a nota de cor a este día dedicado ás letras galegas. No Cabo de Area de Laxe, os alumnos asistirán hoxe, ás 12.00 horas, a unha conferencia sobre Avilés de Taramancos que será pronunciada por Ramón Blanco Fernández. A continuación serán os rapaces do centro os que asuman o protagonismo para ofrecer un recital poético. En Vimianzo, o grupo escolar de Baíñas tamén se sumará ás homenaxes ó escritor de Noia acollendo ó longo desta tarde diversos actos. Asimesmo, e con idéntico obxectivo, os alumnos de Otero Pedrayo de A Laracha representan hoxe, a partir das 11.30, a obra do poeta Tres capitáns de tempos idos. Ademais, o centro aproveitará a xornada para presentar unha exposición dedicada ós xoguetes esquecidos, feita gracias ó traballo dos rapaces do centro, coa colaboración dos seus avós. Os escolares dos colexios O Enfesto de Muxía e Labarta Pose de Baio tamén escolleron o teatro como forma de manifestación nestas datas consagradas á defensa do galego. Os muxiáns actuarán esta tarde ás seis e interpretarán tres obras. En Camariñas , a compañía Tres Globos será a que suba o escenario do centro público O Areal para representar a obra Pedro e o lobo.