Monte Branco aposta por un programa para tódalas idades

La Voz LA VOZ | CARBALLO

CARBALLO

ANA GARCÍA

A asociación cultural dedica ás regueifas unha nova xornada das súas actividades

15 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A Asociación cultural Monte Branco de Ponteceso volveu a preparar un ano máis un amplo programa de actos para conmemorar o Día das Letras Galegas no que desde os máis pequenos ós máis veteranos poden atopar algunha actividade do seu interés. O domingo pola mañá era o escritor Manuel Rivas un dos encargados de iniciar co roteiro pola Costa da Morte a programación que continuaba esa mesma tarde coa apertura do Salón do libro infantil e xuvenil e os encontros de normalización. Estes encontros, que acadaron este ano a súa terceira edición estiveron dedicados nesa primeira xornada á literatura galega, o teatro e o aproveitamento didáctico da música e das cantigas populares da Costa da Morte, contando coa intervención dos integrantes da Aula de Teatro de Pontevedra e o grupo de música tradicional Ruote. Tradición e modernidade Para hoxe, os responsables da asociación programaron a última xornada do salón do libro na que os alumnos de educación primaria de terceiro ciclo de Ponteceso poderán participar nunha amena actividade na que as regueifas, que estiveron a estudiar e tratar durante toda a semana serán as protagonistas. Desde as 14.45 e ata as 16.45, os escolares asistirán a un encontro entre Antonio de Xornes, compañeiro do maestro das regueifas Calviño de Tallo recentemente falecido, e Pinto de Herbón e Luis Caruncho. O veterano regueifeiro medirá as súas forzas con estes dous representantes das correntes máis modernas dentro desta peculiar expresión do folclore popular da zona. Xa pola noite, a partir das dez, este divertido enfrentamento dialéctico volverá a producirse para desfrute, esta vez si, de todo o público que se queira achegar ata a Casa dos Veciños de Ponteceso.