RADIOGRAFÍAS | O |
03 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.DENDE AQUEL tristeiro día no que comezou a deitar veleno o Prestige moitas cousas mudaron na Costa da Morte. Pode semellar que neste medio ano de traxedia todo sigue igual e que o único novo é ese chapapote que deixa pegadas en calquera esquina, pero non é certo. Os cambios non son feitos que sucedan dun día para outro, as sociedades, coma enormes seres humanos, van mudando cos anos aínda que na aparencia non o pareza. Os feitos que sucederon durante todos estos meses quedaron gravados na retina de todos. Onte lía nesta edición o caso que lle está a acontecer en Muxía a Lazar Daniel, un mozo romanés que chegou ás poucas semanas da catástrofe coas mans coma única arma para combater a peste negra. Neste romanés podemos atopar o símbolo dos milleiros de homes e mulleres que sen máis medios que a súa vontade e ilusión axudaron a facer máis soportable unha ameaza que pendía sobre todos nós coma unha espada de Damocles. Lazar está enfermo, ten que operarse, pero neste caso a súa mostra de solidariedade con nós non serve para pagar unha operación que custa 6.000 euros. ¡Que triste é un mundo onde pasar polo quirófano sae infinitamente máis caro ca un monllo de traballo e axuda! Imaxínome ao mozo romanés varado en Muxía coma un barco á espera dun arranxo. Agora que as televisións fuxiron de Mucsía na procura de novos escenarios, agora que os flashes dos fotógrafos xa non iluminan os rostros cansos dos nosos heroes particulares, pois precisamente agora, todos debemos ser Lazar Daniel, que dende hai tempo demostra que é un muxián de pro. O noso deber é ser solidarios con quen o foi con nós. Deberiamos aprender a inmensa lección humana que tivemos durante todos estos meses.