A voltas con Isidora

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

10 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

ANTONTE ESTABA intentando sacar adiante unha radiografía. Xa empezara dúas veces e a moi esquiva resistíase a saír. Estaba no terceiro intento, inmobilizado cara o branco da pantalla, acordándome dos antepasados todos das teclas, de Bill Gates... cando comezou a soar o móbil na mesiña facendo interferencias na pantalla. Resulta que era un señor de Corme, que moi amablemente me quería preguntar sobre unha radiografía da semana pasada. Tratábase dunha columna na que eu falaba de Isidora Blanco Petouto, natural de Corme, que eu presentaba coma unha das primeiras loitadoras pola igualdade das mulleres, aló pola Arxentina, a onde fora de emigrante. O meu interlocutor estaba moi sorprendido, de feito comentaran pola vila e ninguén se decataba de quen podía ser a tal Isidora. O enredo continuaba porque ao parecer o apelido Blanco é bastante común na zona, pero o de Petouto xa non lles soaba. Expliqueille que a figura de Isidora, aínda partindo dun feito real constatable, tiña naquela columna certos riscos literarios: realmente, eses non eran os apelidos, nin era Corme o seu lugar de orixe. Non sei se deixei ao home medio desilusionado, ao saber que a figura da radiografía navegaba entre a realidade e a ficción. O que si sei é que me agradou moitísimo a chamada, porque indicaba que había un interese por rescatar a figura de Isidora, incluso de estudiala. Hai quen me sigue preguntando por Román da Penela, o que atopou o amor nun posto de queixos, na feira de Carballo. Din que é de Vilaño, de Soandres, outros de Baio, eu só lles digo que Román existe, aínda que o nome e a procedencia, seguramente, sexa o de menos. ¿Non cren?.