Ovnis en Razo

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

08 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O DOMINGO estiven en Compostela. O día amosaba a mellor cara de abril: un ceo azul limpo cun sol quentando sen tregua. O grupo de amigos cos que estaba decidiron ir xantar aos xardíns de Bonaval, detrás do Museo do Pobo Galego e do Centro de Arte Contemporánea. Buscamos a sombra dun carballo, e alí fixemos o noso particular pic-nic domingueiro con moita comida e algúns ronquidos sobre a herba. Cando xa a calor da media tarde comezaba a deixar paso ao fresco do serán, recollemos os trebellos e fomos coa música a outra parte. O segundo destino era Oleiros, a onde iamos ver outros coñecidos, alí foi cando me espetaron: «Ei, rapaz, ¿sabías que aterrou un caza pola túa zona?». Fiquei medio incrédulo, pensando que me estaban tomando o pelo. «Si, home, si, seica quedou sen combustible e tivo que tomar area en Razo». Erguinme coma un resorte: ¡A praia onde vou sempre que podo! Fun a un bar próximo coa intención de ver a noticia e velaí estaba retratada: unha avioneta das guerras coloniais de Marrocos na portada. Non era un cazabombardeiro, era un aparello militar gordo, tipo pega reboldana montañesa, con moito bandullo e unhas rodas semellantes ás dunha carretiña.O que faltaba, pensei, os militares tomando Razo: «Meidei, meidei, aquí deltaomega, quedamos sen queroseno...». Esta praia leva un ano enmeigada. Primeiro foi a suposta invasión de cóbregas, que algún despistado atribuía aos acojonistas de Greenpeace, logo o chapapote maldito e agora unha aterraxe forzosa dun avión do Exército. Só falta un top-less de Majareta Díaz ou Aramís Finister para meter esta praia bergantiñá dentro dos circuítos obrigados dos estudiosos da fenomenoloxía ovni.