Despropósitos

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIGRAFÍAS | O |

05 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

QUEDEI ABRAIADO coa facilidade que ten a televisión para cambiar de temas entre pausa e pausa publicitaria. O outro día estaban a botar un parte de guerra , deses que poñen con música de acción: veña tanques, xente desfeita e logo anuncios. Pasan outros dez minutos e xa temos a troupe amenizando a festa dos despropósitos: Pocholo, Dinio et alii. O aparatiño que temos nas nosas casas converteuse nunha inmensa cocteleira onde se mesturan, a ritmo de batedora, as cousas máis dispares e incribles: noticieiros, reality shows, cámaras ocultas, cuore, bricolaxe, etc. E velaí está a televisión omnipresente en cada recuncho da nosa vida diaria. Fíxense cando entren nun bar, quizais ninguén estea a ver as imaxes pero o televisor está aceso, está vostede na consulta do oculista e Ana Rosa Quintana explícalle a última moda en depilación púbica. O seu compañeiro canta as corenta en bastos mentres Tamara chora desconsolada en Hotel Glam. Está coa panda comendo un churrasco en calquera parrillada da zona mentres José Luís Moreno reparte premios a discreción entre azafatas lixeiras de roupa. Discute co seu marido na cama por que o neno suspendeu outra vez seis materias e Boris Izaguirre baixa os pantalóns en Crónicas Marcianas.