Carballo-Dakar

La Voz

CARBALLO

02 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

LÍA O outro día que o estado da travesía C-552, ao seu paso por Carballo, comezaba a ser preocupante debido ás fochancas que hai que sortear co coche. Eu engadiría que a situación das estradas non é xa un problema só de Carballo máis ben habería que falar de Soneira, Fisterra e Bergantiños.? A estrada Carballo-Ordes, da que teño falado máis veces aquí e que ao meu parecer é fundamental para vertebrar a comarca, sigue igual. Aseguraba a administración que nesta corredoira decimonónica comezarían as obras no último trimestre do 2002. Estamos na primeira semana do 2003 e a única mellora visible é un panel na localidade da Silva anunciando que se vai acometer o tramo dende a parroquia de Rodís ata a capital ordense. A C-552 ata Fisterra é outro exemplo de desleixo e perigosidade, inconcibible pola importancia estratéxica e gran tránsito que esta ten. Outras vías coma a que xungue as parroquias de Montemaior e Golmar coa capital larachesa, ou a que vai ata a vila de Caión seguen igual.? Agora que se me acaban as liñas acórdame que o motorista Fran Gómez vai facer o mítico París-Dakar. Debeu ter boas oportunidades de adestramento na zona. Dende aquí o meu alento. Non hai mal que por ben non veña.?