CANDO DECEMBRO debulla os últimos días do ano, chega a hora de facer balance do camiño andado e agarimar o propósito de emenda para o 2003. Inundamos as nosas vidas de promesas: este ano deixo de fumar, apúntome nun ximnasio, adelgazo seis quiliños, cambio o look , contrólome no gasto de móbil, non lle armo máis escenas á parella, doulle unha alegría a Pili e pídolle para casar, non volvo a enlearme a cañas cos amigos, non desexo á muller do próximo, deixo de coller baixas sen motivo, págolle segundo convenio aos obreiros, saco a foto da veciña do conxelador, preséntome ás municipais, non volvo a insultar aos de tráfico, deixo ao amante, non defraudo a Facenda, recoñezo a miña paternidade, desengánchome de Sardá, non volvo chamarlle prevaricador a ningún político, queimo a axenda cos números das ex, deixo de sablear aos amigos, vou ao sexólogo, compro ginseng, non finxo máis orgasmos múltiples, axúdolle a María na casa, confío que os políticos están para servirnos (¡unha de churrasco, por favor¡), saco do coche a cinta dos Chichos, busco unha princesa polos pubs de Carballo (¿estudias, estás no paro ou no Plan Labora?), creo todo o que digan os noticieiros, planto un bidueiro nas palabras... ?¡Feliz 2003¡