Institutos en branco e negro

Cristina Abelleira? CARBALLO?

CARBALLO

ANA GARCÍA?

20 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Desde hai un mes, a cor negra predomina na paisaxe da Costa da Morte. A escuridade que envolve as praias, as rochas, as illas e o mar vai chegando, pouco a pouco, terra adentro. Ata a bandeira de Galicia aparece tinguida de negro en moitas ventás. Pero, aínda que a chamada sociedade civil reaccionou no seu conxunto, os mozos, os que acoden coma voluntarios desde tantos rincóns do planeta e os que enchen os centros educativos da zona, teñen un papel moi destacado.? Os alumnos dos institutos veñen mobilizándose practicamente desde o primeiro día. Manifestacións, pancartas, folgas... son algunhas das modalidades de protesta que elixiron para expresar o seu parecer ante a catástrofe do Prestige . Pero non só esas. Hai actos cun simbolismo moi especial, como os centos de estrelas negras que decoran por completo o hall do instituto Alfredo Brañas de Carballo ou os centos de mans manchadas de negro que deixaron onte as súas pegadas nas paredes do IES Urbano Lugrís de Malpica. Neste centro, nunha das localidades tocadas de cheo pola marea negra, os rapaces quixeron deixar constancia do seu recoñecemento ós voluntarios cunha enorme pintada no muro e cunha solta de globos de cores na praia.?Cada un á súa maneira, os institutos da Costa da Morte están cos afectados.