A Costa da Morte non debe resignarse

F. TOURIÑÁN

CARBALLO

TERRA E XENTE

21 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

UNHA VEZ máis a Costa da Morte perxudicada por unha marea negra (ou encarnada ou aceitunada, qué máis ten). Escribo o domingo día 17 e dá rabia ver a moitos dos nosos paisanos e paisanas resignados a teren que emigrar de novo, unha vez que se dan por perdidos o marisco e a pesca durante moito tempo. Resignación é a palabra. Sempre a resignación. A ver cándo damos un peto na mesa e reclamamos o que é noso dunha vez, que para iso pagamos impostos. En Cataluña (ou en Andalucía) xa estaría organizada unha manifestación para reclamar de inmediato a declaración de zona catastrófica. Pero aquí a baixar as orellas e a emigrar. Xa está ben de ter que emigrar cada dúas por tres e non esixir que se poñan de verdade os medios para ter un traballo digno na terra (¿non quedamos en que España e Galicia van tan ben? Pois que haxa investimentos que dean postos de traballo, que as únicas industrias parecen ser os parques eólicos...). Hai que reclamar dos que gobernan máis dilixencia e menos pasividade, que seica tardara en remolcar o petroleiro e se perdera un tempo precioso na noite do venres por aforrar material á hora de instalar as barreiras na costa e nas rías Xornalistas Aínda o domingo algúns xornais de Madrid tranquilizaban as conciencias falando dunha simple ameaza (de marea negra), cando as imaxes mostraban claramente o desastre ecolóxico (por certo, felicitacións ós xornalistas de La Voz, e ós da Delegación de Carballo en particular, polas súas completas informacións). Ó Goberno español o único que parece preocuparlle é se o Prestige ía para Gibraltar ou non. O ministro de Agricultura e Pesca, ademais de darlle ó sarillo co de Gibraltar, ten o don da oportunidade e presume do ben que actuaron as autoridades evitando a catástrofe. ¿Evitaron que? Moitas ausencias houbo; outras aínda máis próximas. Xa virán canda as eleccións, e todos correndo en moto a darlles o voto. Se isto servira, polo menos, para que os alcaldes da zona deixasen o seu estéril localismo e pensasen dunha vez en proxectos comúns para toda a comarca: reclamar comunicacións e boas industrias; facer urbanismo non salvaxe; levar a cabo iniciativas turísticas; protexer integralmente a costa co arredamento dos buques perigosos, etc. Dun tempo a esta parte cadaquén vai polo seu camiño e non se escoitan voces para reclamar proxectos comúns que favorezan a todos. O «Cason» Un lembra que en 1987 fora precisamente un dos alcaldes da Costa da Morte o que dera a voz de alarma polas sospeitosas mercadorías do Cason ; houbera quen o criticara por esaxeradamente alarmista, pero con aquel éxodo masivo a Santiago e á Coruña polo menos se conseguira chamar a atención aquí e en Madrid sobre o estado de desprotección en que estaba a costa fisterrana. Pero pasou o día e a romaría: quince anos perdidos sen que ninguén se esforzase por conseguir que os barcos con cargas perigosas se arreden a máis millas da costa. Se non hai iniciativa dos concellos, pouco se pode facer agora con lamentos e subsidios para seguir malvivindo. En fin, un remate saudando a sensibilidade de Lendoiro, que tivo un recordo para a Costa da Morte o sábado; cando tiña poder, el fora dos escasos políticos que intentara desenvolver económica e turisticamente este noso territorio tan deixado da man de Deus; pero ó seu propio partido debeu parecerlle excesivo tanto favoritismo e arredouno da política.