O director da Biblioteca Galega 120, Tucho Calvo, fará a presentación acompañado polo escritor Xosé Manuel Varela, o poeta Miro Villar e o alcalde, Xosé Luis Fondo
21 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.O mesmo día no que sae á rúa Criminal , a novela que consolidou ó carballés Xurxo Borrazás como un dos mellores escritores galegos en activo, La Voz de Galicia presenta a obra básica de Eduardo Pondal na mesma parroquia na que naceu o poeta pontecesán. A edición de Queixumes dos pinos para a Biblioteca Galega 120 chega hoxe ós participantes no Simposio Pondaliano e a tódalas persoas que queiran sumarse ó acto gracias á colaboración do Concello de Ponteceso, que repartirá un cento de exemplares entre os asistentes. A Casa dos Veciños de O Couto, moi preto da igrexa de San Tirso de Cospindo, na que Pondal recibiu o bautismo, será o escenario da xornada. Da presentación encargaranse Xosé Manuel Varela, escritor, filólogo e membro do equipo organizador do Simposio; Miro Villar, poeta, e Tucho Calvo, redactor xefe de La Voz de Galicia e director da Bibilioteca Galega 120, e o alcalde, Xosé Luis Fondo. Queixumes dos pinos publicouse en 1886. Segundo Manuel Ferreiro, profesor de Filoloxía Galega e un dos maiores expertos en Pondal, o autor reuniu nesta obra «a produción anterior e acrecentou novos poemas, dotando de unidade o conxunto por medio da composición inicial e última». Na edición da Biblioteca 120 inclúese, ademais, o poema que se converteu no Himno Galego. Casa dos Veciños de O Couto. 17.30 horas