RADIOGRAFÍAS
01 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.ASISTÍN ÓS ACTOS das Encrobas en memoria do crego Moncho Valcarce. A xornada foi un recordo a un home que tivo dúas paixóns vitais: a defensa dos máis débiles e de Galicia. Inauguróuselle unha praciña humilde pero ben fermosa, dende alí, cuns carballos novos detrás, unha escultura do crego domina todo o que nalgunha hora foi o fértil val das Encrobas, e hoxe é un burato inmenso do que sae o carbón. Houbo quen propuxo mudar esta praza por outra próxima máis grande. Creo que sería un erro substituír a actual pola outra, que non deixa de ser unha praza de pedra e cemento para as verbenas, con chiringuito incluído. No acto, Manuel Rivas dixo que os pobos teñen que vacinarse decote contra o virus da desmemoria, ese bichiño roedor que entra no pensamento colectivo e que nos fai esquencer de onde vimos. Non lembrar de onde se vén, leva aparellado prescindir de todas as experiencias acumuladas. Cando un se esquence do seu pasado ten as papeletas todas para volver equivocarse no futuro. Falaba da memoria, e a memoria hai que exercitala, aínda que ás veces as palabras non sexan só gabanzas e aínda que as mesmas tamén doan. Neste xornal (8-10-89) Rivas entrevistaba a Valcarce, de aquí un extracto: «Polo das Encrobas sentín unha gran amargura. Eu era un máis. Toda a miña teima era que mantiveramos a unidade (...). Conseguíuse moito no material, case tódalas reivindicacións, pero, polo demais foi un grande desengano. Despois de toda a loita, moitos comportáronse coma novos ricos».