O «ave» maila burra

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS

17 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

IMOS TER tren de velocidade alta pola comarca. Sucará coma o vento os concellos de Tordoia, Cerceda e A Laracha. Virá coma un salaio polas parroquias. Se vivira Curros Enríquez faríalle un poema a esta nova e veloz locomotora que trae o progreso, o benestar e a abundancia co seu pasar. Xa o dicía o de Celanova no poema co que celebraba a chegada da primeira locomotora a Ourense: «Velaí vén, velaí ven avantando / cómaros e corgas, e vales, e cerros. / ¡Vinde vela, mociños e mozas¡ / ¡Saludaina rapaces e vellos¡». O poema do parágrafo anterior está incluído no libro Aires da miña terra , unha obra publicada no ano 1880 e que converteu ao escritor nun dos máis célebres da literatura galega. Máis de cento vinte anos despois nós imos celebrar a chegada da locomotora supersónica á comarca. Dirán os máis retorcidos que vén con atraso; nas tabernas rexoubarán os paisanos que este tren non é ben AVE senón que é galiña choca. Xa saben que tamén pronto se levanta a polémica por calquera cousa. O tren vai pasar por aquí a cento sesenta quilómetros por hora, para que se quere ir a máis: ¡nin que houbera tanta présa. O que sobra é tempo, a fin de contas só hai cento e pico de quilómetros de diferencia con ese que vai de Madrid a Sevilla. Aínda así, mira que hai mala fe que o outro día atopei un poema anónimo parafraseando ao de Curros, tocan as linguas que é do poeta bergantiñán Jhony Vai Amodo: «Velaí ven avantando / correndo coma unha chispa / vinde vela, mociños e mozas / que disque vén xogando as carreiras / coa burra da tía Luísa».